sábado, 15 de junho de 2013

XABIER DÍAZ na Festa da República Galega

Xabier Díaz Carro, nado na Coruña o 22 de agosto de 1969, é un cantante, compositor e investigador do folclore tradicional galego.


Xunto a Guillerme Fernández codirixe o programa Tres peixes voando, da Radio Galega. Colaborou en directos con artistas como Luar na lubre, Amancio Prada, Os Cempés, Marful, Nordestin@s, Kepa Junkera ou Uxía.
O seu primeiro contacto coa música foi aos dez anos cando o seu avó lle regalou a primeira gaita a cambio de que asistira a clases. Grazas a este acordo familiar desenvolveu a súa paixón pola tradición e a antropoloxía. Para Xabier Díaz é imprescindible coñecer a música antiga para construír calquera xénero musical hoxe, incluso os máis modernos.
Comeza a súa carreira discográfica coa publicación de Músicas de salitre (2004) xunto co guitarrista Guillerme Fernández. Un primeiro traballo no que se revelou como cantante e compositor de talento. Optou como finalista aos Premios da Academia da Música no 2005, e acadou o terceiro posto na edición dos galardóns La Opinión.
Xabier Díaz compaxina as súas facetas de músico e compositor cunha laboriosa actividade como investigador e compilador do folclore tradicional galego. Froito deste traballo editou Coplas para Icía (2007) coa participación a Pedro Lamas e Suso Iglesias. Disco no que verte un discurso moi cosmopolita á vez que pegado á terra.
Na actualidade combina varios proxectos. É cantante titular da compañía Nova Galega de Danza coa que realizou os espectáculos Alento, Engado e Tradicción. No ano 2005 foron finalistas nos Premios Max como Mellor Espectáculo Revelación por Alento. Máis recentemente, entrou a formar parte do grupo Berrogüetto, onde participa dende comezos do 2008. En solitario traballa xa no que será o seu terceiro disco, A lírica do silencio, de novo na compaña de Guillerme Fernández. Dirixe e copresenta o espazo "Tres peixes voando", da Radio Galega, xunto con Guillerme Fernández.
Ao longo da súa carreira compre destacar numerosas colaboracións en discos e concertos, con diversos artistas e formacións como  Luar na Lubre, Amancio Prada, Os Cempés, Marful, Nordestinas, Kepa Junquera ou Uxía.
Participou en espectáculos singulares como Descarga ao Vivo Cuba - Galiza (2009), intercambio musical entre creadores galegos e cubanos; Cantos na Maré (2005 e 2008) colaborando con artistas do ámbito da lusofonía como Chico Cesar, Paulinho Moska, Sergio Godinho ou Sara Tavares; ou Ao pe da letra, espectáculo que serve como punto de encontro de varios proxectos e artistas galegos, procedentes de premisas e universos musicais diferentes, que queren tomar a palabra coa vontade de situar a voz no centro das súas creacións.
Desde que fora mestre e logo director da escola de Música e Baile Tradicional do Concello de Ames, segue a súa actividade docente impartindo cursos de percusión e canto tradicionais en diferentes programas de escolas e conservatorios.

Sem comentários:

Enviar um comentário