sexta-feira, 24 de maio de 2013

79 Aniversario da I República Galega

Cerceda reviviu a proclamación da I República Galega ó 27 de xuño do 2010
Varios colectivos da comarca de Ordes, Bergantiños e de Santiago organizarán unha festa conmemorativa do 79 aniversario da proclamación da I República Galega
Aló polo 27 de xuño de 1931, xusto un día antes das eleccións ás Cortes Constituintes da República Española, Campos Couceiro, Eduardo Ponte, Alonso Rios, etc., declararán que a solución para o problema galego non é a República Española senón a galega. No pleno municipal do día anterior, a proposta da creación inmediata dun Estado Galego á semellanza do que pasara en Cataluña fora posta sobre a mesa, e contaba co apoio dos obreiros compostelanos. Ao rematar o mitin o concello compostelano é asaltado, dimitindo inmediantamente todas as autoridades, e sendo Alonso Ríos, que exercía praticamente como o presidente provisorio da Galiza, presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega. Finalmente, a falta de seguimento da proclamacón noutras comarcas, logrou o cese da Xunta Revolucionaria en poucas horas.
Mais esas poucas horas que durou a I República Galega deixaron unha semente no pobo galego que agroma 79 anos despois. Será a antiga estación de Queixas-Londoño, na parroquia cercedense de Xesteda, o lugar que lles servirá á Asociación Cultural Foucelhas, de Ordes, á Revoltaina Cultural da Beira de Bergantihnos da Laracha e á Asociación Cultural Lucerna de Cerceda de marco para a xornada festiva na que se rememorarán os actos do 27 de xuño de 1931, o día no que por vez primeira na historia Galiza se autodeterminaría como unha República independente.
O 27 de xuño será un día cargado de simbolismo, no que as Asociacións organizadoras da Festa da República Galega tentarán transmitirlle a toda a xente que alí se achegue o sentimento de pertenza a un territorio perfectamente diferenciado e cunha historia de seu que foi escrita fundamentalmente polo movemento obreiro e campesiño. Mais non será unicamente unha xornada reivindicativa, tamén haberá festa, e xa desde ben cedo. Ás 12 un pasaruas con gaiteiros encargarase de darlle a benvida aos que se acheguen á festa. De seguido terá lugar un acto no que se explicará a conmemoración e os feitos daquel revolucionario ano de 1931. E coma en toda festa que se prece, tamén haberá sesión vermouth. Tras os primeiros bailes, a xente do Sindicato Labrego Galego organizará o xantar con produtos da zona e incluirá 1º e 2º prato, sobremesa e auga por só 12 euros.
As actividades retomaranse despois do xantar, arredor das 16h, co aberto de estornela organizado pola Liga Nacional de Billarda. Ás 17h proxectarase Carrilanos, de Rafael Cid, un documental sobre os traballadores do camiño de ferro, os mesmos que se ergueron a prol da independencia de Galiza na revolución de 1932. Ademais, estrearase o documental de Lois Pérez Leira no que se fai unha análise dos acontecementos de xuño do 31 arredor da proclamación da República Galega.
E pola noitiña, a iso das 19:30 volverá de novo a música coas pandereteiras Bouba, da Pontraga, con Mini e Mero, do grupo A Quenlla, o Leo i Arremecághona e Pablo Constenla.
Pero os de Cerceda non estarán sós, pois grazas á iniciativa da A.C. Lucerna, a A.C. Foucelhas e a Revoltaina da Beira de Bergantinhos en Buenos Aires tamén se conmemorará o 79 aniversario da proclamación da República Galega.
A máis das asociacións organizadoras tamén hai unha presa de entidades colaboradoras (Aldraba de Trazo, A Revoltosa de Montaos e a Comissom de Memória Histórica da Gentalha do Pichel de Compostela) que de seguro farán que a xornada do 27 de xuño quede marcada no almanaque para vindeiros anos.

Sem comentários:

Enviar um comentário